A convocatoria Inou financia cinco proxectos de investigación coordinados

O turístico sostible nos espazos naturais protexidos da provincia de Ourense; a potenciación do interese turístico do Complexo Arqueolóxico e Termal de Aquis Querquennis; o fracaso escolar en matemáticas; a calidade do sector hoteleiro ourensán e a circularidade das actividades económicas da provincia. Estas son, en termos xerais, as temáticas dos cinco proxectos que a convocatoria de axudas a grupos de investigación do campus de Ourense Inou 2019 financia este ano.

A convocatoria, que conta con financiamento da Deputación de Ourense, ten por obxecto apoiar investigacións que contribúan ao desenvolvemento social e económico da provincia de Ourense e ao coñecemento da súa realidade, así como a especialización do campus de Ourense como Campus da Auga. Ao mesmo tempo pretende ser unha vía para que o persoal investigador a tempo completo máis novo da Universidade de Vigo e o que teña máis dificultades para acudir a outras convocatorias, poda pór en marcha proxectos. Como novidade nesta edición, a convocatoria propúxose impulsar a interacción entre grupos de investigación do campus de Ourense, financiando proxectos coordinados, formados por un mínimo de dous subproxectos, e nos que participa persoal investigador de cando menos dúas áreas de coñecemento diferentes. O importe total concedido ascende nesta edición a 46.200 euros.

Ler a nova completa no DUVI